28 de dez. de 2007

Descanso


Marchamos a unha praia con nome de santa -da que algo vos contei fai algún tempo- para darlle a benvida ao ano 2008 cunha aperta salgada que cheire a mar.
Ese mar frío que afastándonos tamén nos achega.
Vémonos nuns días!

... prometo traervos algo de sol quente e un chisquiño do barullo da area, superpoboada de risos bulideiros e de xentes asándose nos seus traxes charramangueiros. E se cadra, tamén eu atope unha botella no mar.

22 de dez. de 2007

2mil8

Deséxovos coherencia
e a forza necesaria para mantela.

Deséxovos risos estridentes
e a valentía de vivilos e gozalos.

Deséxovos oportunidades para
soñar cun mundo mellor
e a xenerosidade de facer
algo máis que soñar.

Libros, discos e pelis
e o tempo e a compaña
para gozar con eles.

Atrancos e inxustizas non volos desexo
pero virán, entón deséxovos
a sabiduría para aprender deles.


Deséxovos tanta ledicia como a que me regalades viñendo por aquí de visita.


Grazas!

12 de dez. de 2007

A arañeira da maternidade

Non sempre temos ocasión de ver teatro galego. Case nunca temos ocasión de ver teatro en galego. E moito menos, temos ocasión de pagar o noso billete, como sempre facemos cos espectáculos arxentinos. Se cadra por iso, xa merecía a pena asistir á estrea de Aurora Rodríguez e a súa filla Hildegart. A peza, da autora Marga do Val e interpretada pola compañía Teatro Arte Livre que dirixe Roberto Cordovani no (que hai anos foi o) Teatro Bambalinas, recupera a traxedia real de Aurora Rodríguez Carballeira, unha muller nacida en Ferrol no ano 1879 e falecida no psiquiátrico madrileño de Ciempozuelos en 1955, que desexou ser nai para crear á muller perfecta que serían quen de salvar á humanidade. A súa filla, Hildegart foi unha nena prodixio, converteuse en revolucionaria, feminista, escritora e ensaísta. Pero a nai, ao comprobar que a súa filla non era todo o perfecta que ela quería (sobre todo, todo o submisa que ela necesitaba), asasinouna o 9 de xuño de 1933.

Nun correo antes da estra, a autora comentara que se trataba dunha peza brutal. Chamoume a atención o adxectivo. Un pouco porque está algo en desuso neste mundo brutal, é dicir, perdeu contundencia. E tamén porque sair polo mundo cunha "obra brutal" é dunha audacia enorme. Onte comprobei que é certamente unha peza brutal. E fabulosa. E inquietante. E moi ben interpretada.

A historia de Aurora Rodriguez case que é o de menos porque a obra é -por moito- outra cousa. Unha ollada poliédrica sobre as caras da maternidade que é inquietante. Sobre todo porque todos estamos atrapados na arañeira. Podes ser filla ou fillo, podes ser nai. E podes ser as dúas cousas! Como di Aurora (Roberto Cordovani) nun momento: «Todas as nais son A nai. E todas as fillas son mulleres». Os lazos coa teoría psicanalítica (para o público porteño moi claros) están delicadamente tecidos e a historia desas dúas mulleres é o de menos, unha excusa, o que pasa alí é moito máis poderoso.

Fai moito tempo que me intereso polas maneiras de falar da maternidade, de narrar esa relación de dous e de tantos que é a maternidade en xeral. Paréceme limitante e mesmo inxusto que so haxa dous modelos de nais narradas: a santa e a desquiciadamente cruel. Nese contexto, tamén paréceme fabuloso e sorpresivo que as familias galegas (sobre todo na diáspora) ainda teñan a idea -primitiva e tan actual- de que a nai é dona dos fillos. Dona e creadora. Dona e fonte de todo saber sobre eles. É tan "natural", é o deber ser, é o que temos... Digo isto porque penso que a obra ven raxar despiadadamente e valentemente contra esa ollada paralizante e tradicional e ven facelo ao sitio onde ainda impera esa ollada.

Dalgunha maneira, penso que todas as mulleres (nais ou non nais) e todos os homes debían de ver a obra e enfrontarse a esas moitas mulleres que todos somos. Ninguén está ceibe delas, todas nós somos unha Hildegart que rexeita o control da nai (o control en xeral), pero todas somos Aurora cos nosos fillos e coas nosas creacións, todas somos esa monxa atrapada polo seu medo e polo destino que non a deixa escoller, e todas somos esa tola que é despiadadamente racional na súa insanía ou mesmo podemos ser a escritora que narra a propia vida e a dos outros. E para iso, tanto ten ser home ou muller.

A audacia, a xenerosidade e a lucidez da autora e dos actores é ilimitada e merece cantos aplausos sexamos quen de bater, de pe, aos berros de «bravo!». Non a perdades, se tedes ocasión de vela.

_______________________
Actualización (22-01-2008): dende o xoves 24 de xaneiro, a peza pode verse en Vigo. Será no Teatro Arte Livre, Rúa Vázquez Varela, 19, de xoves á sábados ás 21 e domingos ás 20. Prezo único: 12 euros. www.tal2005.com

3 de dez. de 2007

De judocas e de serenos

Tivemos visitas nestas semanas.

O escritor Manuel Rivas pasou case un mes na Arxentina recollendo voces e memorias dun tempo pasado e oscuro. Cando case marchaba, o meu home dixo algo que me chamou a atención: "Rivas é un judoca, un magnífico judoca". Fun ver de que vai o judo e atopei unha figura fermosa na Wikipedia: O Judo é unha arte marcial e un deporte. A idea da competición é sinxela: o obxectivo é derrubar ao opoñente usando a súa propia forza. Noutras palabras, apréndenos que a mellor forma de vencer a unha forza non é opoñéndose a ela senón -pola contra- apoiándoa e dirixíndoa pero para o noso propio éxito. Sería como “unha folla que sostén un pouco de agua e cando non atura máis se inclina e déixaa caer”.

Gustoume o da folla e a agua que atopei na Wikipedia. Gustoume confirmar a sabiduría que se acubilla detrás de todo o asunto. E gustoume, claro, a idea de Rivas coma un judoca. Penso agora e atopo moitas ocasións nas que o vin neste mes administrar sabiamente unha situación hostil. Penso agora nalgúns dos seus libros, en moitas columnas, en case toda a súa obra.





Rivas pasou un mes na Arxentina e a académica e crítica literaria Helena González pasou algo menos dunha semana. Veu participar do III Encontro Internacional de Publicacións Feministas e mesmo con tanto traballo, o tempo chegou ben para descubrir o brillo dunha persoa fabulosa. Helena ten un estilo lúdico de ser lúcida. É divertida e seria en dose equivalente, unha riqueza que poucos coñecen. Curiosamente, o seu home, Rafa, é moi parecido e ao tempo moi distinto. Dalgunha maneira, digo eu, hai quen atopa á esa metade perdida da que falaba o mito do Andróxino do Banquete de Platón.

As conversas con Helena foron unha ledicia. Tiñan todo o encanto da súa columna dos días luns no Diario Cultural da Radio Galega, pero a intimidade que agasalla unha pizza de Guerín, na avenida Corrientes, ou un gin-tonic no bar La Paz. Cando Helena e Rafa marcharan, quedei pensando neles. Lembrei dunha figura que os nenos arxentinos coñecen nos primeiros anos da escola: a do sereno do tempo da colonia que percorría as rúas acendendo os farois e dando as horas. Helena chega e acende a curiosidade deixando para guiarnos unha chea de referencias e lembranzas.

27 de nov. de 2007

Herdanzas

«
No entanto, teño sentimentos ambivalentes fronte ao galego. Por unha banda, sei que son diferente, que ignoro moitos dos seus costumes, que fixen un desenvolvemento que, nas circunstancias que me tocou vivir, non era posible en Galicia. Doutra banda, teño un sentimento de envexa porque eles, os galegos de alá, quedaron coa patria. Aínda que eu siga sendo no espírito tan dona lexítima desa terra como eles, non terei a capacidade de legala aos meus descendentes co sentimento de pertenza do que nace e se reproduce no lugar de seu. Perdín o poder de transmitir o legado que recibín dos meus antepasados que fecundan a terra de Marrozos desde a noite dos tempos. O espolio máis grande que me impuxo a emigración foi o da capacidade de legar o vínculo ancestral cun territorio e unha cultura. Quedeime coas raíces ao aire...
»


Así remata o artigo que María Rosa Iglesias leu fai dous meses máis ou menos. Ela naceu en Compostela e foi arrasada pola emigración da súa familia con cinco anos. Non foi asimilada. Nunca. E tanto non foi asimilada que o seu fillo maior é historiador na UBA e na USC. Un historiador que percorre as entrañas da diáspora galega en Bos Aires. E con todo, isto é o que sinte.

21 de nov. de 2007

Recordar

Investigadores da Universidade de Bos Aires aseguraron que a memoria garda con más facilidade datos vencellados con algunha carga afectiva. Na ponencia "Memorias naturales y artificiales" organizada polo Centro Cultural Ricardo Rojas, o académico Jorge Medina explicou: "Os humanos só podemos lembrar determinadas situacións individuais ou sociais". E ao momento de pescudar por qué a memoria rexeita algúns detalles da vida, os científicos coinciden en que as emocións ocupan un sitio importante á hora de afianzar as lembranzas. Medina suliñou: "As memorias gárdanse mellor cando hai un ton afectivo no asunto e un certo nivel de emocionalidad".

14 de nov. de 2007

Variacións sobre o patrimonio

En España preto do 90% dos maiores de 65 anos teñen unha vivenda en propiedade, pero pasan por dificultades económicas nos seus últimos anos, porque prefiren conservar a súa casa para que a herden os seus descendentes. Galicia-Hoxe



- Mamá, por qué non pon o vestido novo ese que mercamos en vez de ir así vestida con eses farrapos?
- Boh... farrapos! qué ten este vestido? Esta ben ainda.
- Pero poña o novo!
- O novo? Muller non, ese gárdoo.



A miña avóa morreu con máis de 90 anos. Estou segura, moitos camisóns quedáronlle sen estrear. Gardábaos porque eran moi bos, ou moi bonitos, ou sinxelamente moi novos.

8 de nov. de 2007

meme x 8

Aprendo esta mañá de primaveira (día 8 por certo) que o 8 é o número atómico do osíxeno. Entérome tamén que no sistema anglosaxón de medicións, hai 8 onzas nunha cunca, 8 pintas nun galón, 8 furlongs nunha milla e aproximadamente 8 chiscos nunha culleradiña. Oito é o número de patas que teñen as arañas e o número de pesos nun real español durante a época colonial. O 8 represéntase coas 2 serpes enlazadas, símbolo do equilibrio entre forzas antagónicas. "Tamén representa o eterno movemento cósmico base de rexeneración e de infinito, polo que o 8 tombado vese representado en moitas pilas de bautismo".

Digo eu que ten que ser por todo iso que o meme este púxose tan dificil. O primeiro que vin foi o da Raiña co que rin moitísimo! Dalí cheguei á orixe do asunto e, como levaba días sen tempo para facer visitas aos amigos, onte e hoxe atopeime con todas as versións, formas, historias e recursos posibles de ser imaxinados. O de Arumes achega os temas mais citados polo blogomillo adiante pero faino cunha gracia encantadora e se algún fallaba xa chegou OCCAM a completar a lista; Suroeste percorre momentos epifánicos da súa vida co seu estilo de sempre, sempre fascinante. Qué fago eu enton? A idea de falar de sitios mellor non porque Paideleo fíxoo co seu ton de cronista virtuoso; o dos tangos tampouco por non cansar e porque o de ZeroVacas é impecable! Rifo I de Zeuquirne cumpriu coa gastronomía, faltaba máis! o malo foi chegar a esa foto e a ese artigo sobre as 21 e traballando no xornal... E se nalgún momento dixen que mellor fotos, pois nada porque Pau atopou unhas fermosísimas.

Nestes casos críticos, sempre valen os amigos. Déixovos con oito homes e mulleres (bueno, son nove) que, polo mundo adiante, fan o que Castelao pedía: dan sona a Galiza.

Andrea Cobas Carral. Licenciada en Letras. Docente e investigadora da Universidade de Bos Aires. Bolseira do CONICET. Está iniciando os seus estudos de doutoramento cun proxecto sobre as representacións da violencia de Estado na narrativa do Cono Sur dos últimos quince anos. Coordina o Ciclo de Literatura Galega "Lectores en Bos Aires" que se desenvolve no mítico Café Tortoni. Foi docente da Cátedra de Estudos Galegos "Afonso R. Castelao" e publicou diversos traballos críticos en publicacións académicas arxentinas e estranxeiras. Ademáis de todo, ten un exquisito sentido do humor e un blog.

Alguén dixo que Delmi Álvarez é a "ollada da porta de atrás: a humanidade sempre retratada no seu sufrimento e a súa alegría. As súas instantáneas son flashes nas que a composición do espacio non é máis que a casualidade case espontánea". Eu de fotografía non lles sei moito pero podo dicir que as imaxes que lle vin a este home son quen de capturar algo tan esvaradío coma a alma. Para máis detalle, a alma galega. Os datos din que é fotoxornalista freelance e que ese traballo de reporteiro gráfico mestúrao coa impartición de cursos, conferencias e seminarios (unha das maneiras da xenerosidade). Foi editor gráfico no desaparecido Diario de Galicia (1985-87) e é autor de varios libros e proxectos de documentalismo. É gañador de dous dos prestixiosos premios Fotopress. Foi fundado do Seminario Galego de Fotoxornalismo.

Nancy Pérez Rey ten dúas cousas impresionantes: a súa bondade contaxiosa e unha enerxía revolucionaria que xa é moito dicir nun país coma Cuba. É licenciada en Xeografía e Historia, na Sección de Historia de América, pola Universidade Complutense de Madrid e realizou cursos de doutoramento no Instituto Ortega y Gasset de Madrid e un máster en Poboación e Migracións na U.S.C. Foi documentalista do Arquivo da Emigración Galega do Consello da Cultura Galega e bolseira de investigación no Departamento de Historia Contemporánea e de América da USC. Actualmente realiza a súa tese de doutoramento sobre a emigración galega na área de Nova York e ten publicadas varias investigacións arredor da emigración e o exilio galego en América. Por fóra do seu CV formal, é a presenza galega na Habana.

Manuel Casal Lodeiro ven de voltar a Galiza. É unha desas voltas que só coñecemos os galegos de fóra. Porque é voltar a un sitio onde non estivemos antes. O que dicía María Rosa Lojo nun fermoso ensaio. Non é que Casdeiro non estivera antes na terra. É que, a contramano da xente do seu tempo, el deixa a súa vida en Bilbao para buscar futuro na Galiza. É licenciado en Informática pola Universidade de Deusto (Bilbao) e o creador e xestor da comunidade virtual Fillos de Galicia. Premio "Galeguidade" de ensaio 2003 con "O papel de Internet na conservación da identidade e cultura galegas entre os descendentes dos emigrantes".


Marga ten nomes e vidas varias. Marga Romero Lorenzo é licenciada en Filoloxía Hispánica e Galego-Portugués pola USC. Profesora de Ensino Medio de Lingua e Literatura Galegas. Exerceu a docencia como Lectora de Lingua e Literatura Galegas na Universidade de Tréveris (1995-2000) e impartiu aulas na Universidade de Colonia. É Vicepresidenta da Asociación Galego Alemá. Marga do Val é crítica literaria e articulista e como tal colabora en diferentes medios. Como escritora deixou pegada en varios libros. E como actriz non deixa de apañar aplausos e parabens. E todo na mesma muller intensa, ilimitada e ceibe, sen prexuizos que é un dos xeitos máis audaz de ser libre.


Non teño amigos no Patronato da Cultura Galega de Uruguai. Non importa porque dende a súa tarefa son amigos de todos os galegos do mundo. O historiador Xosé Manoel Núñez Seixas deu unha definición do Padroado rigorosamente xusta: "Unha verdadeira alfaia como institución dende a súa fundación, que se mantén fidel á tarefa de preservar o patrimonio e termar da cultura galega na capital uruguaia". Fundouse no ano 1964 (8 de xuño) por iniciativa dun grupo de bos galegos. Xurde como un xeito de resposta á situación da Terra e mais da colectividade galega no Uruguai. Desde a súa fundación ata o remate do franquismo foi un foco de resistencia, centrando o seu quefacer no eido cultural –como ten pasado co galeguismo en varios momentos da nosa historia-. Nesta negra etapa, o Patronato publica libros en galego, de autores e temas prohibidos na Terra; danse conferencias, fanse exposicións… Din que a razón de ser desta institución é “promover e espallar a cultura galega” para o que unha das bandeiras foi sempre a defensa do idioma, convencidos, como Castelao, que “se somos galegos é por graza e obra do idioma”.


Ruy Farías Iglesias leva un nome raro que fala, sobre todo, da inmensa persoalidade da súa nai que o sinalou dun xeito único facendo del unha persoa inesquecible. Naceu en Bos Aires e é Profesor de Historia pola Universidade de Buenos Aires e case douctor pola Universidade de Santiago de Compostela, onde investiga a emigración galega ao Sur do Gran Buenos Aires. Membro do Programa de Historia Oral da UBA, nel traballa sobre a represión en Galicia durante e logo da Guerra Civil española, e o exilio galego á Arxentina. A través desta temática colabora tamén co proxecto de investigación interuniversitario "As vítimas, os nomes, as voces, os lugares" para a para a recuperación da memoria das vítimas da represión franquista en Galicia (USC, Universidade de Vigo e Universidade da Coruña). Baixo a dirección da Doutora María Rosa Lojo forma parte do proxecto de investigación "Os galegos no imaxinario socio-cultural arxentino", financiado polo Consello da Cultura Galega.


E falando de María Rosa Lojo, non está de máis lembrala e dicir de novo que é doutora en Letras pola Universidade de Bos Aires e investigadora do Conicet. Recibiu tamén o Primeiro Premio de Poesía da Feira do Libro de Bos Aires (1984) e o Primeiro Premio Municipal de Bos Aires Eduardo Mallea de narrativa (1996) pola novela La pasión de los nómades, entre moitos outros; asemade é colaboradora permanente do suplemento literario do xornal La Nación. O seu pai, galego republicano, exiliouse en Arxentina tras a Guerra Civil. Por dúas veces foi finalista do Premio Planeta e non deixa de escribir e publicar historias. O seu último libro Cuerpos resplandecientes: santos populares argentinos, ao que alcuma agarimosamente "Los santitos" está dando moito que falar nestes días na prensa, na radio e na televisión arxentina. María Rosa Lojo fai da súa orixe galega parte do seu traballo profesional e académico. O que moitos esconden ou esquecen, ela o loce.


Hai moitas maneiras de falar de Ana Miranda. Coma cadro do BNG (é portavoz desa forza no Parlamento Europeo no marco do acordo polítco coa coalición Galeuscat), coma experta en Dereito Europeo e Internacional, coma emigrante (marchou a Bruxelas en 1997 onde exerce sua actividade profesional), coma a nai dunha Mafalda con todas as letras, ou coma a autora e coordinadora de artigos e publicacións sobre a diáspora galega... Dende abril de 2007, é Vicepresidenta da Alianza Libre Europea (ALE), un partido político europeo ao que pertence o BNG. Eu prefiro falar dunha muller baixiña, de sorriso luminoso e sempre disposta a escoitar, que fixo propia unha tarefa máxica: cando non o notades, cando semella que está liada noutras cousas, cando menos o pensades, Ana tece pontes. Pontes e autovías, vieiros e camiños. Calquera cousa que achegue aos galegos que andan no mundo. Ana loita na diáspora para desfacer a lonxanía da emigración: galegos somos todos, di. E como o di con tanta convicción haberá que crerlle...

E como non hai meme se non hai convidados, chegoume por Mario, Mr Tichborne e rosa enriquez e deixoo aos que ainda non o fixéstedes.

1 de nov. de 2007

Che bandoneón

Non é preciso facer nada en especial porque -mesmo sen querelo- o tango sempre vai atopar a maneira de meterse na vida das persoas que por estes recunchos do mundo viven. Hai quen di que é logo dos 30 anos, cando as letras comezan a falar da propia vida: das penas, das decepcións, dos vicios e dos erros, do desamor, da soidade.

Porén, o meu primeiro contacto co tango comezou aos 3 anos. Non foi entre os meus. Foi no bus que me levaba á escola e que, ao mediodia, me devolvía á miña casa. O dono dese vehículo era un home raro. Medía preto dos dous metros de altura e iso, que o facía un tío moi alto para os adultos, transformábao sinxelamente nun xigante para os rapaces que movía pola cidade de Avellaneda. Ademáis, todo o que tiña de gótico, tíñao tamén de magro e de feo. Se cadra pola altitude, os seus ósos daban a impresión de estar un chisquiño desconectados e sempre en risco de derrubarse coma un castelo de naipes. Se tal non sucedía era porque unha pel oscura e marcada contiña esa carcasa tremente ainda sen ser quen de disimular a desarticulación das pezas.

Chamábase Nino. Bueno, todo o mundo chamáballe Nino e hoxendía sería sinxelamente impensable que un home tan raro e tan feo fixera o traballo que el fixo durante anos e anos. Agora, os nenos viaxan á escola en pequenos transportes, levados por mozas case sempre novas e case sempre guapas, que a forza de sorrisos e de voces fálsamente agudas espantan medos pedófilos dos pais. Pero falabamos do tango.

Non sei ben por qué Nino facía ese traballo cos nenos porque, certamente, tiña por nós -os rapaces- o mesmo interés que eu pola F1. Durante a viaxe de cada mañana ficaba ausente, concetrado na radio. Pero nas do mediodía falaba bastante ainda que polo xeral só até que, repentinamente, consideraba a algún dos nenos maiores o seu interlocutor. Entón, invaba temas e comentarios completamente inapropiados e moi divertidos.

Nino era un tanguero. Non dos de hoxe senón dos de antes. Escoitaba un detrás do outro, ducias e ducias de tangos e cantábaos con entoación e propiedade. Non se trabucaba xamáis nas letras e, se tiña a sorte de que un semáforo ou un tren detiveran un momento a marcha, entón ademáis de cantar tocaba un bandoneón imaxinario cos seus dedos de caña de sucre, o corpo adiante e o pe marcando o compás.

Dez anos pasei mañás e mediodías nese bus. Aprendín coma os pericos letras e letras de tangos que, dende logo, falaban dun mundo alleo e descoñecido. Hoxe ese mundo é propio e próximo e eses poemas tamén -ás veces- falan de min. Se cadra, Nino non era tan alto. Se cadra, non era tan feo. E pode que nin sequera fora tanta a música que escoitaba. Pero sempre, sempre, será un virtuoso músico, cun bandoneón invisible.

22 de out. de 2007

Fabricantes de lixo

« E non recordo moi ben que lixo podía recoller (o carro dos varredores municipais), porque daquela o lixo todo que sobraba nas casas era moi pouco. Daquela a xente non tiña lixo. É un tema curioso este do lixo, eu diría que se poden estudar os cambios na nosa civilización a través do estudo da produción de lixo. Hoxe a industria do lixo, recollida, reciclaxe, procesado todo, move grandes sumas e o lixo transformouse nun auténtico problema que atinxe á supervivencia da nosa civilización e da nosa especie. Esta civilización nosa, ese modelo socioeconómico, produce tanta porcallada que ameaza a todo o planeta. É evidente que é un modelo insostíbel e que debe ser custionado.

Daquela o que sobraba da comida era para os porcos ou para as galiñas, nós tiñamos galiñas, e non había lixo. Plásticos case non había. Periódicos había poucos, líanse poucos periódicos. Hoxe non moitos máos. Nas casa dos pobres non se lían periódicos, e amais os periódicos valían para queimar nas chemineas, para acender o lume, ou para envolver cousas, os xornais ninguén tiraba con eles pois eran moi útiles, de maneira que non sei que lixo podían recoller aqueles varredores que lembro que pasaban ocasionalmente polo meu barrio. Hoxe témonos transformado esencialmente en fabricantes de lixo, debemos facer un quilo por persoa ao día. iso é debido a que xa non somos traballadores, creadores, senón consumidores. O rasto que deixamos non é o que fabricamos senón o que consumimos, e os restos do consumo. »


Suso de Toro
Conversas con Suso de Toro
,
Antonio Pedrós-Gascón
(Xeráis)
Ilustración de Pablo Bernasconi

15 de out. de 2007

Verbas en imaxes

Andan na procura dunha imaxe. Non pode ser unha imaxe calquera. Ten que falar. Andan na procura dunha imaxe que sexa quen de simbolizar a lingua galega.

Das máis de duascentes que teñen alí, só unha pode gañar o concurso "Enfoca o galego" e eu xa teño as miñas miñas favoritas. Son cinco, pero en dous grupos.

No primeiro grupo están

a de Carlos Portas

a de Jaime Díaz Fiuza



a de Yolanda Gómez Gálvez


E no segundo grupo as que penso que mellor falan da lingua de Galiza. Son de Lara Bacelo.

8 de out. de 2007

Touporroutou

Pérdense calcetíns, paraugas ou moedas. Pérdense amigos, números telefónicos e xente querida. Pode un perder a vergonza, a dignidade e tamén a paciencia. A min perdéraseme unha palabra.

Cunha elegancia que máis quixeran as señoras da alta (e rancia) sociedade arxentina, a miña avóa desestimaba argumentos mentireiros, explicacións barrocas con pretensión de seriedade, e plataformas políticas en xeral cunha frase: "Touporoulou, baila Gumersindo".

Ese "touporoulou" (só ou coa compaña do "baila Gumersindo" para maior énfase) chegaba e xa non eran necesarios nin viñan a conto as queixas, os comentarios sarcásticos, a descualificación ou o escepticismo. "Touporoulou, baila Gumersindo" e a relativización do que alí fora dito era terminal.

O asunto é que "touporoulou" non existía. Nin nos libros, nin no oráculo-Google, nin nos tradutores... E cómo podía ser que unha palabra tan determinante, tan necesaria, retranqueira e fundamental na miña historia non estivera nos diccionarios? Dende logo, tiña que existir. Con toda seguridade, na pronuncia dos meus, na dicción da miña avóa, no acento (seguramente contaminado pola emigración) perdíanse letras ou engadíanse outras extrañas.

Moito busquei. Sempre sen sorte.

Abandonara xa a expedición cando un comentario no blog de Francisco Castro deume unha sorpresa. Era "touporroutou"! Claro que existía! O rr tiña un son máis doce na fala e o tou perdera contundencia disfrazándose de lou na miña escoita. Pero alí estaba! Como cando xurde no sitio menos pensado o calcetín, o paraugas ou unha moeda perdidos.

Ou unha palabra que di moito máis (tanto máis) do que di.

1 de out. de 2007

Estatística

O 62% das consultas nas unidades de saúde mental galegas fanas as mulleres, e delas, catro de cada dez exercen como amas de casa, segundo un estudo presentado por Mario Páramo, psiquiatra do Complexo Hospitalario de Santiago e presidente da Asociación Galega de Psiquiatría.


Páramo relacionou o elevado número de amas de casa coas presións económicas e persoais que soportan estas mulleres e as características do seu tempo de lecer, que favorecen a depresión ou a síndrome mixta depresión-ansiedade.


O psiquiatra resaltou que o problema máis frecuente neses dispositivos asistenciais son as depresións leves, que sofren entre o 12 e o 16% dos pacientes. O desenvolvemento da asistencia psiquiátrica en Galicia é «medio», considerou Páramo, e o plan autonómico presentado hai uns meses pola Consellería de Sanidade, que prevé actuacións ata o 2011, suporá «mellorar en recursos materiais e humanos» e tamén recuperar aos pacientes crónicos, sobre todo de esquizofrenia e depresión, que son quen sofren maiores complicacións de saúde, e que agora non teñen seguimento.


O especialista apelou á necesidade de mellorar a investigación. Neste sentido, afirmou que continúan vixentes os datos do traballo que realizou en 1991 Antonio Rodríguez, o falecido catedrático de Psiquiatría da Universidade de Santiago. A prevalencia sinalada nese informe apunta que un 1% da poboación pode sufrir esquizofrenia; un 2%, trastorno bipolar; un 6%, alcoholismo; outro 6%, trastornos depresivos graves, e un 9%, trastornos de ansiedade.


Estes datos supoñen unha incidencia das patoloxías psiquiátricas en Galicia semellante ao do resto de España. Mario Páramo indicou que a poboación da costa tende a ser máis expresiva e contar mellor os seus problemas sen necesidade de pregunta, mentres que á do interior é máis necesario sonsacarle a información. Nas cidades de Vigo, A Coruña e Ferrol rexístranse máis trastornos de ansiedade; e en Ferrol e outros lugares onde se observan maiores índices de desemprego increméntase o alcoholismo.

Este especialista indica que nunha área sanitaria como a de Santiago funcionan sete unidades de saúde mental, que atenden unha media de 20 casos diarios cada unha. Ademais, no complexo hospitalario compostelán hai 55 camas para ingresos psiquiátricos, que están sempre ocupadas «e non se ingresa máis porque non hai capacidade».

25 de set. de 2007

Consumismo

"O meu avó recollía cousas do camiño, un arame, un ferriño..., cousas caídas, para o caixón dos ferranchos vellos. Sempre se lle acababa encontrando utilidade". O comezo deste artigo de Suso de Toro non só fala do seu avó. Fala tamén do meu. Dende logo, sen sabelo.

Non había mañá ou tarde na que Xoaquín non chegase dos seus paseos por ningures cun ferro (a máis das veces comido polo óxido), un caixón vello, madeiras orfas do moble do que formaran parte, cravos, porcas, parafusos. Todo remataba, logo dunha coidadosa análise, nun cuarto esquecido debaixo dunha escaleira.

Cando marchaban por tempadas á casa de Mar del Plata a colleita non quedaba en Bos Aires porque tamén alí había sitio para eses tesouros diante dos que a miña avóa rifaba que para qué máis cousas, que por qué esa teima de coller o que outros botaban, que se non valían para nada... Xoaquín -moi no seu estilo- non atendía, ocupado xa noutros asuntos.













Non sei se algunha vez cando menos unha desas pezas tivo uso. As máis das veces penso que non. Ainda moitos anos despóis de morto el, a morea de ferros, madeiras cravos, porcas e parafusos seguía no seu sitio. Imaxino que agardando esa segunda oportunidade prometida no momento de ser rescatadas.

"Agora chámase «reciclar», simplemente sabía ver o valor das cousas", remata o parágrafo Suso de Toro. Que sen sabelo tamén falaba do meu avó.

18 de set. de 2007

Perspectivas

Fai moitos días que chove. O luns choveu. E o martes e o sábado e todos os días apertados entre aquel e hoxe. Porén, non importan os acenos desesperados e teatrais nos que se obstina. De nada valen estes ademáns espasmódicos de agua e agua. O inverno está morrendo.


E nada pode facer diante da forza impúdica deses xermolos e das pequenas flores exhibicionistas.

11 de set. de 2007

Realidade e ficción

Algún día, alguén con talento e formación literaria será quen de explicar por qué os escritores arxentinos novos ainda hoxe repiten nas súas novelas e contos os estereotipos máis espallados e tamén máis inxustos sobre os galegos. Parvos, brutos, babecos, mellor se gordos e tamén bastante feos, rústicos e primitivos.

Non importa o moito que mudou Galiza nos últimos 30 anos. Non importa canta información chegue a diario pola televisión e por internet dunha rexión cun avance superior ao arxentino. Nin importa tampouco que algúns destes autores coñezan Galiza. Sempre os galegos da ficción son os estereotipados galegos de sempre.

Dende a miña ignorancia teórica pero tamén dende a miña afición de lectora, fai algúns meses trouxen un conto de Pablo Ramos protagonizado por un galego chamado Perfecto e que perfectamente cristaliza esta morea de prexuizos e ignorancia. Tempo despóis, atopei un conto mediocre nun libro medriocre (e non o digo eu, senon a crítica publicada esta fin de semana na revista Ñ) de María Fasce protagonizado tamén por unha galega prototípica.

O curioso é que nin sequera son tantos casos. Malia estar Galiza nas orixes de boa parte da poboación arxentina (hai quen di que cinco millóns de arxentinos teñen algún galego na súa historia familiar), malia ser a cultura galega determinante na consolidación da identidade arxentina, os personaxes galegos son unha rareza nas obras literarias escritas hoxendía. E os que aparecen, bueno... o xa dito.


Por iso, a lectura da novela El enigma de París non fixo máis que sorprenderme e confirmar a estupenda impresión persoal e profesional que teño do escritor Pablo de Santis. O libro fixoo gañador do Premio Planeta-Casa de América e tamén do aplauso unánime da crítica e dos lectores. Se até tivo eloxios en formato de banda deseñada!



Vai de detectives. Vai de moito máis que de detectives. Na páxina 16 da novela fai a súa breve entrada a cociñeira galega que traballa na casa do detective Craig. E alí comeza unha lección maxistral. É posible escoller algúns tópicos, é posible moldealos coma se foran de masa e é posible con eles dar forma a algo fermoso, novo, superador e revelador da condición humana. Pablo de Santis déixao en claro.

3 de set. de 2007

Quino /1

De como o mundo cambia para non cambiar.
De como os que hoxe están aquí, onte estiveron alá.
De como o tempo pasa pero non sempre deixa sabiduría.




















Quino. Un home que ve antes de todos nós iso que todos veremos logo.

28 de ago. de 2007

Entendemento

Facíao escondida. Cando sabía que ninguén ollaba. Podía ser que non estiveran ou que andiveran ocupados co seu mundo de maiores. Sempre o máis difícil era librarme da miña irmá pequena. Cando o conseguía, marchaba ao patio e finxía xogos que non xogaba até acadar a seguridade libre de dúbidas de que estaba soa. Soa de compañas. Soa de ollares. E soa de lembranzas. Nese momento, abría os brazos coma ás, nun ángulo de 90º co torso, e separaba un pouco os pés. Xiraba todo o conxunto (tronco e brazos) uns centímetros e logo daba unha, dúas, catro ou seis voltas agardando polo brillo e o estoupido. A clave estaba na cantidade de voltas e na combinación destas cos movementos do corpo, segúndo as hipóteses do meu entendemento de nena. Pero, por moito que o fixen, nunca fun quen de volverme a «Mujer Maravilla».

22 de ago. de 2007

Futuro perfecto

Volto con esta teima de socializar a miña ignorancia. A semana pasada, nas Xornadas Buenos Aires Gallega: Inmigración, pasado y presente asistín con moito interese á ponencia do director do departamento de Lingua e Literatura galega do Instituto Santiago Apóstol de Bos Aires e profesor de galego na Universidad de Belgrano, Carlos Rodríguez Brandeiro, quen chamou a atención sobre o pouco que se fala galego na cidade de Bos Aires. Entre outras cousas, Rodríguez Brandeiro dixo:

«Na diáspora, a lingua galega non xoga na actualidade o papel que lle corresponde. A negación cara ao seu uso (ata por persoas que a dominan), a autocorrección permanente debida á falta de autoestima, a falta de convencemento persoal e o momento que transitamos na nosa historia social emigrante deben ser revisados»

«A maior parte das variadas iniciativas para dar a coñecer a nosa cultura, todas elas dunha importancia capital, esquecen en gran medida o vehículo propio de comunicación: clases de gaita e percusión ou clases de baile tradicional onde a lingua de relación nunca é a galega; ciclos de cine galego onde a presentación da película realízase en castelán ou, tamén, esas películas son emitidas no idioma de Cervantes cando existe a versión no de Rosalía; conferencias sobre Galicia para un público galego, en castelán. E poderiamos seguir. ¿Son estas as estratexias que nos permitirán sobrevivir cultural e socialmente na emigración cando deixou de achegar novos referentes?»

«Lograr que eses fillos, fillas, netos e netas de emigrantes galegos volvan mostrar interese polo achegamento á cultura dos seus devanceiros, conseguir que o apego á lingua de orixe non descenda de xeito tan drástico conforme avanzamos na liña do tempo e abrir unha senda para que eses descendentes poidan involucrarse en maior ou menor medida coa esencia natural das súas orixes debese ser unha actividade urxente e capital»

Polo que levo lido sobre o asunto, e se non me trabuco, podería dicirse que ainda perviven dúas posturas xerais, claras e non necesariamente excluíntes entre sí:
  • por unha banda, os que entenden coma un tandem inseparable a cultura galega e a lingua galega de xeito que, ainda que é posible empregar calquera idioma na súa transmisión, só a lingua de Galiza é quen de manifestar todos os matices, todas as riquezas e todo o contido a comunicar. Así, o futuro da cultura galega está conectado cento por cento ao futuro da súa lingua natural.
  • por outra banda, os que atendendo ao peso da emigración na historia do país e á presencia da Galiza en todo o mundo, entenden que o futuro da cultura galega falará moitas linguas: dende o castelán porteño de Bos Aires, até o inglés de Nova Iorque ou o de Australia, o francés ou o alemán dos respectivos fillos e netos de Galiza que naceron e medraron fora da terra -e tamén fora la lingua- pero son parte do proxecto común que é o país no sentido máis amplo.
Nin idea de cal das dúas é da vosa preferencia. De feito, nin idea de cal das dúas reflicte mellor o que eu mesma penso. Se cadra, algo das dúas...

17 de ago. de 2007

Caderno de bitácora /3 (e última)

Xoves 26
Coñecín Ribadeo so cando cheguei á miña casa de Bos Aires. Foi grazas a unha coñecedora desa rexión e a un fermoso libro que Paquita tivo o agarimo de mandarme pola súa filla. Souben qué cousa era esa torre tan rara diante da que pasei dúas ou tres veces. Aprendín do porto deportivo diante do que ceamos dúas noites. E puxen nome e historia á igresa que empreguei como referencia para atopar o hotel e ao palco tan bonito sobre o que finalmente non houbo espectáculo de gaitas sobre as 3 da madrugada por medo a que nos botaran da cidade por escandalosos.

Apunto Ribadeo para voltar nesta vida e coñecelo con tempo e esmero. Os dous días que alí pasamos estiveron plenamente dedicados ás XV xornadas Mar por Medio, ideadas polo inglés de berce e galego de corazón John Rutherford fai moitos anos ainda que dende o ano 2004 non teña xa relación co congreso.

Os dous días e as oito mesas redondas e presentacións foron interesantísimos! houbo tempo para aprender, para emocionarse, para sorprenderse, para divertirse e para polemizar. A presencia cubana era notoria e engadiu unha dose fabulosa de sorrisos e dunha ollada alienada da nosa "naturalizada" vida consumista e capitalista que en moitas ocasiones foi desestabilizadora e -dende logo- impresionante. Mágoa non ter o talento necesario para reproducir aquí o que foi o diálogo entre o alcalde de Ribadeo, Fernando Suarez Barcia, e o presidente do Instituto Cubano do Libro, Iroel Sánchez Espinosa. Se para mostra vale, vede este diálogo:

Iroel Sánchez- E dime Fernando, cal dirías que é o problema máis importante de Ribadeo que tes que solucionar?
Fernando Suárez- Bueno, diría que o da tensión urbanistica.
Iroel Sánchez- A tensión urbanística... a tensión urbanística... (neste momento, o cubano fai un aceno de seriedade e medita un longo minuto. E logo fala de novo). ¿E qué cousa é a tensión urbanística?

O xoves pasei o día bastante nerviosa por mor da presentación e porque non é pouca cousa compartir a mesa cun autor coma é don Xosé Neira Vilas. Sobre todo para os galegos de Bos Aires e de Cuba. Fixeno o mellor que puiden e logo dediqueime a escoitar e aprender cunha tranquilidade recobrada que moito me faltou os días anteriores. Aquí vos deixo a presentación que pasei mentres falaba.



Venres 27
Antes de que o venres rematara, estaba de novo en Compostela. Alí tiven un agasallo que non agardaba: o meu curmán Lisardo e a miña tía Jesusa estaban no hotel. Vinos apenas uns poucos minutos pero pódovos asegurar que me valeron a vida. Algún día vos falarei de Jesusa. É esa clase de muller que máis cun post, merece un libro. Pode que máis. Vela alí, sempre ocupada e un chisco preocupada, sempre fermosa, sempre con esa picardía e retranca que non perde co paso dos anos, dalgunha maneira que non son quen de explicar foi recuperar unha parte importante de Gerónima. Se até me chamou a atención porque dixen "carallo"! O malo de non ter deus é que cando pasan estas cousas non se sabe ben a quen dar as grazas. Pois a quen toque neste caso: que moitas grazas, de corazón.

Ainda tiña unhas poucas horas en Galiza e foron igual de fermosas e emotivas como o resto. Ana e mais eu fumos facer unha visita a Brión que ás dúas nos encheu a alma en moitos sentidos. Os amigos, eses aos que admiramos, son de diferentes maneiras terapéuticos. Pasamos un momento acubilladas na luz agarimosa dun fogar único, dunha xente especial e de almas brillantes e xenerosas. Había cheiro a gardenias que sempre foi sinónimo de tempos máxicos na miña vida (e esta vez non foi a excepción). Había viño e queixo e chourizo. Había historias con banda sonora de tango. Penso que non se pode pedir máis.

Dalí voltamos ao corazón de Compostela onde agardaba (e vaia que agardou!) unha amiga non menos querida e admirada. Pasamos horas no Café Literario vendo algunhas pingas que caían caladamente e xentes que percorrían as rúas sonoramente. Foi unha desas conversas tan femininas que chegan e marchan dos temas anárquicamente, coa ledicia de saberse acompañado nos brillos e nas miserias. E claro, rimos moito.

Sábado 28
Pola mañá do sábado houbo bágoas. Ningunha das dúas quixo que a outra o sentira, pero as dúas marchamos chorando. Anita, segundo contou. E eu tamén. No aeroporto merquei un avión que prometera e pasei as 14 horas da viaxe agardando por outros dous sorrisos que alí estaban, en Ezeiza.

Chegar a casa, aos cheiros da nosa vida, ás peles da nosa vida, ás voces da nosa vida sana moitas das morriñas. As que non se sanan é porque alí teñen que ficar. Morriña por vós todos, os que vin, os que non, os que estades aquí. Morriña polas deliciosas tardes de sol en Vigo, en Compostela e en Ribadeo. Morriña polas viaxes en coches coa paisaxe galega apertándonos, coidándonos as almas. Graciñas. Non teño mellor palabra ca esa.

7 de ago. de 2007

Caderno de bitácora /2

Quedaramos na chegada a Compostela, en bus e cun home lendo o Galicia-Hoxe diante de nós. Pois baixamos e, logo de deixar as maletas no hotel, fixen coma os peregríns pero cun camiño propio que non tiña coma norte ao apostolo senón a unha chea de xente fabulosa que ides ver de contado.

Martes 24
Chegar a Compostela sempre é coñecela de novo. Estivera antes dúas veces: a primeira, media hora; a segunda, medio día. Por iso, podo dicir que certamente foi como descubrila. Pasei as primeiras horas alí facendo visitas (algo ben galego, por certo). Primeiro, coñecín en persoa aos compañeiros do Diario Cultural. Coñecín o edificio da Radio Galega cunha privilexiada guía que non o é so no edificio senón tamén no compromiso coa cultura galega e no talento. E eu coa columna sen facer! Pero ainda tiña ben tempo. Dalí fun a Vieiros. Claro que o fixen como a arxentina que son e cheguei alí no horario do xantar que, para os parámetros de Bos Aires, son horas do máis forte traballo. Cousas dunha galega ectópica. Marchei pensando que xa perdía de ver a Lúa Neghra pero Compostela é terra máxica na miña vida e ainda me gardaba algunhas sorpresas.

Por moito que lera sobre o Festigal, non o imaxinaba así de bonito como me pareceu so chegar alí. É verdade que non había moita xente ese martes e que o recital de poesía ao que fun escoitar a Anxo Angueira, Marga do Val e Eduardo Estevez case que comezou sen público. Antes de que rematara, xa atopara a Marinha e ao Artipractor e tamén a Jan. Increible!!! Tanto falamos polo messenger que estar ali, un diante do outro, semellaba cousa de meigas. Soaba música brasileira mentres falabamos moxando a gorxa cunhas aguas e bebidas frescas que boa falta facía. E eu coa columna sen facer! Pero ainda tiña algo de tempo.

Agardamos tanto polas cousas que logo pasan máis rápido do que estamos listos para entender. Así marchou a tarde e os amigos. Cando quixen decatarme, xa estaba nun taxi marchando cara ao hotel. Tiña plans de cea e de paseo. Tamén de ver os lumes do aspóstolo. Tiña moitos amigos que ver e unha visita que quedaba xa para o día seguinte que este -como son as cousas!- so viña con 24 horas. E eu coa columna sen facer! Pero ainda tiña catro horas que, claro, non son moitas horas.

Uns plans deixaron sitio aos outros e percorrín Compostela da man duns amigos que tiñan marabillosas historias que contar en cada rúa, en cada recanto, en moitos portais. Que fermosura máxica a de Santiago pola noite! Ceamos falando de Galiza e dos galegos, das súas xenerosidades e das súas carencias, da diáspora, do futuro. Digo eu que ceamos falando diso que sempre falan os galegos. Cando a cea estaba na súa coda de café, os lumes do apóstolo encheron todo de latexos de luz e de estrondo.

Penso que ainda que pasara na cidade unha e mil vidas, non sería quen de aprender a percorrela sen mapa. Con todo, intúo que polas noites, ese brillo das pedras e as mareas de persoas que circulan por ela guiados quen sabe por qué feitizo, podería ser unha guía perfecta.

Si si, a columna. Remateina case ás 3 da madrugada.

Mércores 25
Día da Patria. O meu primeiro día da Patria na terra comezou cedo e entre amigos. Artipractor veu por min ao hotel e Marinha e eu saimos de paseo pola cidade. Vivir no barrio San Pedro ten que ser unha experiencia ben fermosa, se as cousas son así como as vin. Compostela é bonita tamén de día, sobre todo se se trata dun día que abre con nubes e que adianta coa banda de son dunha conversa entre amigas.

Chegamos ao Casino e Jan xa estaba aí agardando. Unha constante nestes seis días foi chegar tarde a todos os sitios. Sintoo... O Casino ten un algo do Tortoni: pode que a boisserie, pode que as mesas, pode que as dimensións ou pode que a elegancia. Ou pode que todo iso xunto. Dun xeito inesperado e casual, fixen unha encantadora visita a outro café máxico: o Derby. O Breogán e nos as tres chegamos alí na procura da doce Moralla que alí estaba e a dose de azar que todo o foi tecendo ainda hoxe non deixa de me sorprender.

A manifestación propuxo un percorrido novo e tamén seductor pola cidade. O acto na Quintana tivo ese encanto que moitas cousas novas traen pero que tamén rápidamente perden. Os políticos son políticos sempre. Os novos, tristemente. Os experimentados, cando menos con un algo máis de ximnasia pero -polo que alí vin- sin a potencia necesaria. Cousas do poder que a máis das veces contaxia a miopía.

A Quintana chea de xente e berrando o himno foi un pequeno terremoto emocional. O sol e ese mediodía quente pedían un descanso e tivémolo en Casa Felisa onde atopamos á benquerida Lua Neghra! Eramos moitos e ainda seríamos máis! Para ser democráticos, escollimos cada quen un plato que logo compartimos. Non había nada que non fora delicioso: os platos, a conversa, os sorrisos dos amigos, as historias. Un home uruguaio fixo as fotos e agora que as vexo ao lonxe, días despóis e cousas despóis, sinto non ter feito milleiros e milleiros delas.

Como en procesión, saímos dalí cara ao Festigal. O Breogán foi un guía de luxo e houbo tempo ainda para coñecer a Raandeira a quen boto de menos no blogomillo. Ao chegar ás carpas, e cando pensaba eu que nada mellor que todo isto podía pasar, estaban alí as encantadoras Besbelliña e Elianinha e a Lourixe. Quen me dera días de 35 horas para falar canto quería con cada quen! Penso agora que Galiza é un sitio privilexiado se é quen de sementar persoas coma estas.

Houbera pasado alí horas e horas pero como ben dixo Besbe "non daba feito con tanta xente arredor" e o reloxo que adiantaba e adiantaba. Lembreime dúas ou tres veces da letra dese bolero: "Reloj, no marques las horas". Pero o demo claro que as marcaba e, antes de que puidera disfrutar de tantos amigos, dunha tarde de verán tantas veces imaxinada no inverno porteño, xa estaba de novo nun coche, cara a Ribadeo.

30 de jul. de 2007

Caderno de bitácora /1

Como os antigos navegantes, levei nestes días na terra un caderno. Tiña aidea de ir engadindo as anotacións no blog segundo pasaran os días pero non me deu tempo. De feito que -xa de volta en Bos Aires e coas turbinas do avión ainda nos oídos- abro as tapas moradas con estreliñas e volvo vivir a intensidade de cinco días de amigos, de festa, de viaxes, de traballo, de emocións, de Galiza.


Domingo 22
As filas que facemos con présa non adiantan canto quixeramos, é sabido. Pero ese domingo souben que as que facemos e non queremos rematar, esas sí que van rápido. Deixei aos meus en Ezeiza case sen decatarme pero como esquecera un trámite, tiven unha segunda despedida. O voo foi dilatado coma sempre (qué lonxe que estamos!) ainda que condimentados polas historias de emigración dunha rapaza arxentina residente en Valencia. Hai cousas que non cambian tanto cando cambian.


Luns 23
Nunca antes chegara a Vigo en avión. Nunca antes vira a ría abrirse delicadamente sitio entre a terra. Nunca antes descubrira a simetría das bateas dende o aire. E nunca antes atopara dous sorrisos tan fermosos na chegada a Galiza. Só estiven unhas horas en Vigo pero vou voltar porque das cidades galegas que coñezo (e non son tantas) ten un algo que ainda non podo explicar pero que sinto en completa conexión comigo.

Souben alí que non ten sona de ser unha cidade das máis bonitas de Galiza. Terei que coñecer máis porque a min pareceume fascinante. Igual de fascinante que abrir a porta da librería Andel e atopar alí unhas xentes comprometidas. Para non perder tempo, mandara días antes un correo detallando algúns libros que necesitaba. Pero confeso que non fun quen de pagar e sair. Quedei dando voltas, buscando, remexendo nos andeis. Non me chegaban os minutos nin a memoria me axudaba. Tanto hai que quixera ler! Quén me dera unha librería que fora só o 25 por cento desa en Bos Aires!

Durmimos en Bouzas, ese barrio mariñeiro do que fala María Xosé Queizán na novela que deixara sen rematar antes de sair de Bos Aires. Pode que fora ese fío ou a súa praia pequena e case íntima o que máis me atrapou. Pode que fora só a propia fermosura das rúas e das casas esquecidas dos seus tempos de esplendor. Pode que foran os surrealistas berros das gaivotas pola noite. Pode que sinxelamente fora que Vigo é unha cidade chea de encanto.



Martes 24
Pola mañá, Vigo e as súas voces tan maioritariamente castelás quedaban atrás mentres o bus adiantaba. Viaxaban nel xentes con présa e outros despreocupados. Diante, un home percorría un exemplar de Galicia-Hoxe e Compostela anunciabase nos peregríns que deixabamos atrás.